Friday 26 de April de 2024

Touro programa unha ampla oferta cultural, deportiva e de lecer para os meses de verán


O Concello de Touro programou e diseñou unha ampla oferta cultural, deportiva e de lecer para os seus veciños e veciñas durante os meses de verán. O Goberno local mantén o esforzo por ofrecer aos habitantes de Touro unha nutrida programación durante todo o ano pero con máis intensidade durante o tempo de vacacións. Entre as próximas citas está a VIII Ruta Río Ulla BTT (17 de xuño), o Día do Neno (25 de xuño) ou o Roteiro de Sendeirismo dentro da programación ‘Goza do Ulla’ (1 de xullo).
Unha das primeiras actividades programadas é o VIII Trofeo F-8 Alevín Concello de Touro e I Trofeo F-8 Prebenxamín Concello de Touro, que se disputará o sábado 10 de xuño no campo de Fútbol de Loxo durante todo o día. O Concello de Touro e a SD Touro levan a organización. .
Como todos os meses de xuño, non faltará á cita deportiva a VIII Ruta Río Ulla BTT. Poden participar todos os afeccionados á bicicleta na natureza. A saída será dende a sede do Concello de Toruo ás 16.00 horas. E percorrerá as máis fermosas paraxes naturais na beira do Ulla.
O día 17 de xuño está programada unha visita ás Rías Baixas. A excursión será ao Grove, Combarro e a Illa da Toxa. Os interesados poden inscribirse ata o 8 de xuño no departamento de Cultura do Concello de Touro.
Pola súa banda, o Día do Neno celebrarase o 25 de xuño. Na prazo do Luar instalaranse atraccións para os máis pequenos. Haberá tren turístico e xogos de auga na piscina. Será de 16.00 a 20.00 horas. Este día tamén está programado o concerto O caderno dos afectos, de Mamá Cabra. Será ás 19.00 horas na Praza do Luar.
O sábado 1 de xullo está programado o Roteiro de Sendeirismo ‘Unindo camiños polas sombras do Ulla’, dentro do programa ‘Goza do Ulla’. Os interesados poden apuntarse ata o 27 de xuño no Concello de Touro.
A III Xornada de Pesca Infantil está prevista para o día 8 de xullo. É para nenos de seis a doce anos. Desenvolverase na Área Recreativa da Santaia dende ás 11 da mañá. Inscrición: ata o 30 de xuño no departamento de Cultura do Concello de Touro. Pola súa banda, o venres 14 de xuño os máis pequenos poden compartir unha Máxica mañá co Mago Kayto na Casa da Cultura ás 12.30 horas.
O Certame de Bandas de Música está prevista para o día 30 de xullo, domingo, onde a Banda Isabel II de Touro exercerá de anfitriona. E o día anterior, o 29 de xullo, organízase una excursión ao Norte de Portugal. Os veciños e veciñas poden apuntarse ata o 20 de xullo e visitarán Viana do Castelo e Valença do Minho.
En agosto están programadas dúas citas. O día 5, sábado, será a Feira do Emigrante nas rúas de Fonte Díaz. Haberá polbo e música. E o día 13 de agosto, domingo, celebrarase a tradicional Festa da Terceira Idade.
Xa en setembro os máis pequenos, sempre acompañados dun adulto, poden apuntarse á excursión ao Parque Acuático de Cerceda. Alí pasarán o día xogando na auga. Poderán ir maiores. Os que queiran ir teñen para apuntarse ata o día 29 de agosto. O remate das actividades do verán chega o 23 e 24 de setembro. Ese fin de semana está prevista unha excursión a Asturias. Os interesados visitarán Gijón, Cangas de Onís e Covadonga. Quen queira ir pode apuntarse ata o 14 de setembro no departamento de Cultura.